Los Canarios
Ai, amigo Teddy, a ver como te liberas desta…. Pa min, que nin poñéndote de xeonllos e rogando amor. Coas cousas boas que facías como músico, quen te mandaría pasarte ao lado escuro?

Los Canarios
Ai, amigo Teddy, a ver como te liberas desta…. Pa min, que nin poñéndote de xeonllos e rogando amor. Coas cousas boas que facías como músico, quen te mandaría pasarte ao lado escuro?

Jordi Skywalker
“Como un viento salvaje color azul, arrasando con todo vengo del sur. Yo soy el héroe de mi casa, el enemigo de la grasa. No hay plato que pueda conmigo ni rincón que no haya barrido. Inspiro y me enfundo los guantes de goma. Con la fregona me siento otra persona. Empieza el baile, meto el mocho en la lejía; déjame que me ría… Mmmuaaaajajajaaaa. Sacudo alfombras hago camas limpio el váter riego las plantas pongo el agua a calentarse. Como un viento salvaje color azul…”
Unha das consecuencias da miña situación non-laboral é a de poder pasar máis tempo na casa, despois dunha tempada na cal isto era a excepción. Lembro un día, hai poucos meses, no cal Ara chegara xa de noite, e ao atoparme díxome “¡Estás aquí, que sorpresa!”. Empezaba a correr o risco de que un día xa nin me recoñecese…
Ademais das diversas tarefas cotiás, como facer a comida (que difícil é elixir os menús cando se cociña todos os días!) e a limpeza, paso o tempo cos últimos axustes da mudanza e rematando de poñer o piso ao noso gusto. Tirando dos meus xenes Villamor e Meléndez, ando ocupado na bricolaxe, pero sen agobiarme moito, facendo chapucillas por aquí, restaurando mobles vellos por alá…
Outro dos meus pasatempos é o de coidar das plantas da terraza. Teño a todas as vellas do patio de mazá entusiasmadas cos meus parterres de lavanda, petunias, cufeas e demais. Pero a min, o que máis me cunde son as leituguiñas e as plantas aromáticas, e poder darme o gustazo de cociñar con ourego e albahaca frescos, recén collidos. Se non fora porque cortei a coleta, podería pasar por colaborador de Bricomanía.
Por certo, teño un problema coa horta, para o cal preciso de axuda: unha praga de mini-saltóns que se dedica a asolar a miña plantación, pese aos meus esforzados intentos por exterminalos (que basicamente consisten en espachurrar os que atopo, o can non é fácil dado que son tan pequenos que pasan facilmente desapercibidos). Nesta guerra alieime coas mini-arañas, que xa están tomando as posicións estratéxicas desde as que atacar ao inimigo. Pero á espera da gran ofensiva, ¿alguén pode ofrecer consello, de carácter bélico ou político, sobre como lograr unha vitoria total sobre os mini-saltóns?
Como di Jordi Skywalker, estou feito un heroe da casa… e tamén de todo o edificio, axudando a damas en apuros, rescatándoas do seu encerro no ascensor, devolvéndolles a honra (e as bragas) que perderan mentres tendían a colada, ou informándoas sobre os usos culinarios de certas plantas. Así que, mentres sigo esperando a prometida visita dalgún dos lectores deste blog –anunciada para a semana pasada, e da cal aínda non se sabe nada-, permitídeme que vos dea un último super-consello: ¡NO ME PISES LO FREGAO!

The Stooges. Funhouse, 1970
O noso corpo está sucado por innumerables canais que forman parte, á súa vez, dos complexos procesos fisiolóxicos que nos manteñen con vida: respiración, circulación, dixestión… Redes complexas que transportan o alimento das nosas células, e eliminan os detritos que estas xeran. Temos asumido que todos eses mecanismos funcionarán de xeito automático cando os precisemos. Cada vez que tomamos aire, ou levamos un alimento á boca, non nos preguntamos se o corpo funcionará ben. Sabemos que o fará. Pero basta unha leve indixestión, ou un simple catarro, para que sexamos conscientes da falibilidade do noso organismo e de todo canto damos por sentado con respecto a el.
O mesmo pasa cos nosos edificios e cidades. Tamén a través de redes de tubos, chegan aos nosos fogares os servizos que consideramos básicos, porque deben estar sempre á nosa disposición, listos para funcionar cando os requirimos: televisión, auga, internet, saneamento, gas… Temos tan interiorizado que eses servizos e procesos funcionarán ao noso antollo que, cando xorde neles un problema, por pequeno que sexa, nos sentimos completamente desamparados ante semellante “desastre”. ¿Seríamos capaces de vivir na nosa casa sen electricidade? ¿Ou sen gas para quentar a auga? ¿Aínda que tan só fose durante unha semana?
A pasada fin de semana sufrimos o que se pode chamar o “bautismo” do novo piso. É dicir, o primeiro problema de certa consideración desde que nos mudamos. O venres pola noite descubrimos que as augas residuais das cociñas dos veciños saían polo noso fregadeiro. Non facía falta ser un experto para deducir que había un atasco na baixante xeral do edificio, xusto por debaixo da nosa acometida, o cal facía que a auga refluíse cara ao interior e saíse polo primeiro lugar que atopaba.
Pero si era preciso ser un experto para poder solucionalo. E esa foi a gran dificultade, porque resulta ben complicado conseguir un fontaneiro que traballe durante a fin de semana (incluídos os de emerxencias 24 horas; intentamos localizar a varios, e algún devolveunos a chamada o luns, cando estabamos a piques de arranxar o asunto).
Así que tivemos que convivir co atasco, ata que o luns veu un fontaneiro enviado pola Comunidade de Propietarios. Pese a que lle pedimos aos veciños que non usaran os fregadeiros nin as lavadoras mentres non estivese arranxado o problema, resultou evidente que non todos foron solidarios. Non quedou outra que quitar a tapa do sifón e poñer un cubo debaixo, para evitar inundacións na nosa cociña (que algunha houbo) cada vez que alguén se saltaba a restrición. Dese xeito, logramos ir baleirando as avenidas de auga dun xeito organizado.
Cando pasas tres días seguidos nestas circunstancias, ademais de cagarte en moitas cousas, dedicas tempo a pensar na situación que estás vivindo. Carrexar a auga que xeran as vivendas dun edificio de 8 plantas convértese en algo tan repetitivo e mecánico que logras abstraerte do feito físico, para pensar na realidade que hai detrás. Aprendes a recoñecer, sen necesidade de reloxo, as horas da comida e da cena. A distinguir a auga usada para fregar a vaixela, da que sae da lavadora. A recoñecer guisos e estofados polos restos que aparecen polo desaugue. E como resultado, extraes a conclusión de que na nosa sociedade usamos unha cantidade excesiva de auga, e aínda por riba, dun xeito moi pouco eficiente.
Non pode ser que, para fregar a louza dunha familia promedio (poñamos que 3 membros), se use máis auga -case o dobre- que para lavar 5 ou 6 quilos de roupa. Tampouco pode ser que botemos polo fregadeiro restos de comida que deberían ir ao cubo do lixo. Non só para evitar atascos da baixante que inunden aos incautos do primeiro, senón porque estamos causando un serio problema medioambiental. Eses restos contaminantes van a depuradoras que pagamos entre todos, que son moi caras, e que teñen como misión devolver as augas aos ríos. O que tiramos ao lixo desaparece da nosa vista, pero non deixa de existir. Canta menos merda chegue á depuradora, máis facilmente fará esta o seu traballo.
Temos unha actitude moi egoísta a este respecto. Desfacémonos dos residuos de calquera xeito, sen reparar no como; unha vez saen das nosas mans, deixan de ser o noso problema. Usamos auga a esgalla; mentres saia da billa e marche polo desaugue, non seremos conscientes da cantidade. Como dicía ao principio, mentres os mecanismos que empregamos funcionen como deben, non nos cuestionaremos a súa realidade.
Eu, desde a fin de semana, pensareino ben antes de abrir a billa. Pechareina mentres refrego as mans. Limparei ben os pratos antes de pasarlle a auga. Evitarei tirar produtos contaminantes, como aceites, polo fregadeiro. Fregarei e enxugarei usando a menor cantidade posible de auga. E actuarei así ata que, novamente, me acostume a que os desaugues funcionen outra vez como deben, e volva aos vellos vicios. Ata o día en que teñamos superado o límite do que a natureza pode soportar; e abrir unha billa, e que dela saia auga, deixe de ser algo que poidamos dar por sentado.