Arquivo de Agosto 2011

h1

With friends like you, who needs friends

30 Agosto, 2011

The nightriders

 

Desde o día de hoxe, a nosa experiencia musical mellorou de xeito moi sensible, grazas aos magníficos altavoces que nos regalou Mr. E, e que el atopara xunto a un contedor do lixo. Non só funcionan perfectamente, senón que ata son bonitos e de aspecto moderno. Se é que a xente tira cada cousa…

Ademais, con ese agasallo, Mr. E conseguiu que lle revocase as cualificacións de Amigote, Mala Influencia e Persoa non Grata, que eu lle acababa de outorgar en relacións cuns sucesos acaecidos en diversos bares da cidade entre a noite do luns e as seis desta mañá, pero que non veñen ao caso nin están relacionados cos contidos deste blog.

Moitas grazas, Mr. E!

 

h1

Rock Hammer

27 Agosto, 2011

The Hellacopters

 

Hai uns 4.000 anos, o lugar que agora ocupa Santiago de Compostela estaba xa habitado. Nin a cidade ocupaba tanto espazo, nin tiña o mesmo número de habitantes, nin por suposto, tantos bares como agora (algún tiña que haber xa). Naquela época –insisto, hai preto de 4.000 anos- alguén gravou, nunha rocha no actual barrio de Conxo, e usando para este fin instrumentos feitos de pedra, as armas que servían como símbolos do poder da época: espadas, alabardas, escudos…

 

Os petróglifos están nun monte no cal tamén se construíu un castro. Estamos falando, polo tanto, das orixes desta cidade, moito antes de que ninguén puidera imaxinar apóstolos predicantes, herexes decapitados, eremitas visionarios, bispos e reis necesitados de lexitimación para as súas cruzadas, hordas invasoras chegadas de África, mestres do románico, séculos de historia, ou autobuses cheos de turistas.

 

Ademais dese valor histórico, esa pedra indica un cambio social cara a unha organización social xerarquizada, e o intercambio cultural que existía xa daquela con centroeuropa –a posible orixe das alabardas, de representación pouco habitual en Galicia-. E por riba de todo, son unha expresión da capacidade intelectual do ser humano, un dos moitos pasos dados antes de chegar ao día de hoxe. Por todo iso, merece ser valorada.

 

Pero cantos nativ@s santiagueses, ou cant@s d@s que viviron aquí durante a súa época universitaria, ou d@s que viñeron a coñecer a cidade, escoitaron falar deses petróglifos, ou dos que existen no curuto do Monte Pedroso? Seguro que moi pouc@s. Pola sinxela razón de que non é fácil atopar información sobre eles. E porque resulta aínda máis difícil atopalos.

 

Para chegar aos petróglifos de Conxo, pese a que se atopan a escasos metros de varias das principais vías de comunicación de Santiago, hai que aventurarse entre toxos e xestas. A única indicación que existe é recente, e foi colocada por unha asociación, non polas institucións públicas. O abandono chega ao punto de que, ata hai ben pouco, un valado dividía o xacemento, quedando parte del en propiedade privada. De feito, a rocha foi perforada e usada como se para colocar unha das estacas do peche.

 

En Galicia temos un rico patrimonio cultural, con vestixios que se remontan á época megalítica. En cada concello hai cando menos unha mámoa, un petróglifo, un castro, un castelo, unha igrexa… 

 

Pero esa sobreabundancia fai que, en moitas ocasións, gran parte dese patrimonio quede abandonado. Sabémolo todos os que algunha vez intentamos visitar algún punto de interese e a sinalización era confusa ou inexistente; ou o acceso era impracticable; ou o xacemento estaba en condicións lamentables; ou non se podía visitar porque estaba pechado.

 

Neste caso, os petróglifos de Conxo están nas inmediacións do casco urbano. Preto do novo hospital, e ao pé da rúa da Volta do Castro. Tan só é necesario desbrozar cincuenta metros de pista, acondicionar un pouco o camiño, e poñer un cartel indicando a súa existencia. Semella que iso é pedir demasiado, a quen sexa que corresponda.

 

Agardando que algún día sexan valorados e coidados como merecen, déixovos con algunhas fotos. Non son moi boas, porque a hora non era a máis indicada para obter un bo contraste. Pero valen para que vos fagades unha idea. Son gifs animados, así que se clickades, veredes a foto orixinal e a traza sobreposta.

 

h1

Here we go again

24 Agosto, 2011

The Hives

Xa case pasou o verán –aínda que por Santiago aínda non rematou de chegar-, e o certo é que apenas actualicei o blog; debe ir mes e medio sen que teña posto ningunha entrada nova.

 

Tampouco é que teñamos feito nin moitas cousas, nin moi excepcionais (ir á praia unhas cantas veces, buscar o sol e facer reunión de ex-praguenses no retiro rural de Mr. E, facer algo de deporte, viaxar un pouquiño…), que tivesen ocupados todos os meus minutos. Pero, pese a que a actividade en principio non foi excesivamente intensa, non me sobrou o tempo, precisamente.

 

De feito, a finais de xullo –escapando do Apóstolo- fixemos unha viaxe a Salamanca e a Madrid; pero ata onte mesmo non conseguín rematar a edición das fotos. Nada excepcional, pero se queredes velas, aquí está a galería do Picasa.
Por último, aproveito para actualizar o penúltimo post. Temo que estou na obriga de admitir a miña derrota ante os minisaltóns. Nestas semanas, multiplicáronse a ritmo de praga bíblica e comeron case todas as leitugas. Así lles dea indixestión e cagarría!

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.