
Rock Hammer
27 Agosto, 2011The Hellacopters
Hai uns 4.000 anos, o lugar que agora ocupa Santiago de Compostela estaba xa habitado. Nin a cidade ocupaba tanto espazo, nin tiña o mesmo número de habitantes, nin por suposto, tantos bares como agora (algún tiña que haber xa). Naquela época –insisto, hai preto de 4.000 anos- alguén gravou, nunha rocha no actual barrio de Conxo, e usando para este fin instrumentos feitos de pedra, as armas que servían como símbolos do poder da época: espadas, alabardas, escudos…
Os petróglifos están nun monte no cal tamén se construíu un castro. Estamos falando, polo tanto, das orixes desta cidade, moito antes de que ninguén puidera imaxinar apóstolos predicantes, herexes decapitados, eremitas visionarios, bispos e reis necesitados de lexitimación para as súas cruzadas, hordas invasoras chegadas de África, mestres do románico, séculos de historia, ou autobuses cheos de turistas.
Ademais dese valor histórico, esa pedra indica un cambio social cara a unha organización social xerarquizada, e o intercambio cultural que existía xa daquela con centroeuropa –a posible orixe das alabardas, de representación pouco habitual en Galicia-. E por riba de todo, son unha expresión da capacidade intelectual do ser humano, un dos moitos pasos dados antes de chegar ao día de hoxe. Por todo iso, merece ser valorada.
Pero cantos nativ@s santiagueses, ou cant@s d@s que viviron aquí durante a súa época universitaria, ou d@s que viñeron a coñecer a cidade, escoitaron falar deses petróglifos, ou dos que existen no curuto do Monte Pedroso? Seguro que moi pouc@s. Pola sinxela razón de que non é fácil atopar información sobre eles. E porque resulta aínda máis difícil atopalos.
Para chegar aos petróglifos de Conxo, pese a que se atopan a escasos metros de varias das principais vías de comunicación de Santiago, hai que aventurarse entre toxos e xestas. A única indicación que existe é recente, e foi colocada por unha asociación, non polas institucións públicas. O abandono chega ao punto de que, ata hai ben pouco, un valado dividía o xacemento, quedando parte del en propiedade privada. De feito, a rocha foi perforada e usada como se para colocar unha das estacas do peche.
En Galicia temos un rico patrimonio cultural, con vestixios que se remontan á época megalítica. En cada concello hai cando menos unha mámoa, un petróglifo, un castro, un castelo, unha igrexa…
Pero esa sobreabundancia fai que, en moitas ocasións, gran parte dese patrimonio quede abandonado. Sabémolo todos os que algunha vez intentamos visitar algún punto de interese e a sinalización era confusa ou inexistente; ou o acceso era impracticable; ou o xacemento estaba en condicións lamentables; ou non se podía visitar porque estaba pechado.
Neste caso, os petróglifos de Conxo están nas inmediacións do casco urbano. Preto do novo hospital, e ao pé da rúa da Volta do Castro. Tan só é necesario desbrozar cincuenta metros de pista, acondicionar un pouco o camiño, e poñer un cartel indicando a súa existencia. Semella que iso é pedir demasiado, a quen sexa que corresponda.
Agardando que algún día sexan valorados e coidados como merecen, déixovos con algunhas fotos. Non son moi boas, porque a hora non era a máis indicada para obter un bo contraste. Pero valen para que vos fagades unha idea. Son gifs animados, así que se clickades, veredes a foto orixinal e a traza sobreposta.

