Arquivo de Setembro 2011

h1

Football

23 Setembro, 2011

Iggy Pop

Que o deporte é malo é algo que xa comentei neste blog. Vale que tamén ten aspectos positivos, como o de poñerte en boa forma física, segregar endorfinas, entreterte, e incluso coñecer xente mentres o practicas. Pero esencialmente, é algo malo. Y a los hechos me repito.

Desde que teño tempo libre para facer deporte, veño xogando un par de pachangas á semana. Pásoo ben, e normalmente non me manco… e menos mal que só me fago dano de vez en cando! Nestes tres últimos meses levo unha posible fisura nunha costela, que me molestou durante todo o mes de agosto, e o esguince de onte, que a saber cánto tardará en pasar.

E quixo a casualidade que ambas lesións foran causadas polo mesmo compañeiro; polo demais, un bo rapaz, bo xogador e nada leñero, pero que ten a mala sorte de levarme por diante cada vez que hai unha bola dividida (en realidade, agora que o penso a mala sorte é a miña, non a del). Que eu saiba, non ten nada na miña contra, pero quizais é que ten envexa de min por ser rico, por ser guapo, por ser un gran xogador. Non ten outra explicación.

Así que por uns días, nin deporte, nin praia, nin ir a por cogumelos, nin ná de ná. Por certo, falando do tema, xa empezamos a temporada -que promete ser boa- a principios deste mes. Así que todos os interesados en ir por elas, ide preparando as cestas, e poñendo data de saída para dentro de tres semanas.

h1

Rock hammer (II)

7 Setembro, 2011

The Hellacopters

Hai 4.000 anos, dous mozos de Conxo

-Neeeeeno, acabo de facer uns petrografittis no monte Pedroso, para que os p***s picheleiros saiban quen manda!

-Buaaah, tron, pa flipar! E que lles puxeches?

-“CONXO RULEZ” e “UGH IZ DA KING” *

-Como mola, tío! E onde os fixeches, na Selva Negra, para que os vexan ben os domingueiros?

-Máis arriba

-Máis arriba? Na Granxa do Xesto?

-Non, non, máis arriba

-Pois non sei….

-No cumio, tío, no alto de todo

-Ah, xa sei! Nas pedras que hai no mirador, xunto ao camiño, e ben en grande para que se vexan ao lonxe?

-Non, do outro lado do monte, na parte que mira para Figueiras, nuns pelouros que hai entre uns toxos! A que farda?

-…

Nos tempos de antes -dá igual que foran neolíticos, castrexos ou romanos- tiñan a puñetera manía de facer as súas cousas no quinto carallo. Se queredes visitar estes petróglifos, tedes que subir case ata o cumio, e coller a pista de terra que sae xunto ao edificio do repetidor. De alí a uns metros, hai un carreiriño cun cartel posto por unha asociación local. Pasades a primeira rocha que atopades, e cando xa non podedes seguir máis, mirades cara abaixo e á esquerda. Cunha pouca sorte, atoparedes os gravados.

* “Conxo manda” e Ugh é o rei”, en inglés coloquial

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.